PRESENTACIÓN DO SERVIZO
O Servizo de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (CGD) aproxima a atención especializada ao usuario, xa sexa inicial ou final, no ámbito das patoloxías cirúrxicas que forman o corpus de coñecemento da especialidade e o desenvolvemento da actividade cirúrxica no nivel dun centro hospitalario comarcal. Cubrimos a atención sanitaria especializada de case 80 000 habitantes que pertencen ás poboacións de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Vilanova de Arousa, Ribadumia, A Illa de Arousa e Catoira, o que se coñeceu como Área do Salnés, nestes momentos integrada na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Como área turística, en períodos estivais podemos chegar a duplicar a poboación atendida baixo a nosa cobertura.
PROFESIONAIS DO SERVIZO
Responsable do servizo
|
Dr. Rafael Martínez-Almeida Fernández
Xefe de Servizo
|
Persoal facultativo
|
Facultativos especialistas de área: 6
Médicos internos residentes de medicina familiar e comunitaria (MFyC):
dous-tres ao ano, en rotacións de mes e medio.
|
Persoal de enfermería
|
Hospitalización:
- Supervisora: Ana Bello Jamardo.
- Enfermeiras: sen asignación especial ao servizo da área de hospitalización.
- Técnicos en coidados auxiliares de enfermería: sen asignación especial ao servizo da área de hospitalización.
Quirófano:
- Supervisora: Paloma Bóveda Fernández.
- Enfermeiras: sen asignación especial ao servizo da área cirúrxica.
- Técnicos en coidados auxiliares de enfermería: sen asignación especial ao servizo da área cirúrxica.
- Consultas externas: 1 técnico en coidados auxiliares de enfermería.
|
LOCALIZACIÓN E CONTACTO
Rúa Hospital do Salnés, n.º 30
36619 Vilagarcía de Arousa
Pontevedra
Teléfonos: central 986 568 000; directo 986 568 157
Localización:
- Planta de hospitalización CGD: despacho planta 3
- Consultas externas de CGD: planta 0, despachos 2 e 3
CARTEIRA DE SERVIZOS E PROCEDEMENTOS
- Hospitalización
- Consultas externas
- Quirófanos
- Urxencias
- Interconsultas
- Comités técnicos de tumores
- Unidade de diagnóstico e tratamento da Xunta de Galicia no seo do programa galego de detección precoz do cancro de mama
- Formación
Oferta asistencial
Atención en urxencias e cirurxía urxente os 365 días do ano, atención en consultas externas, cirurxía programada ambulatoria e con ingreso, quirofaniños (cirurxía menor), hospitalización, cirurxía concertada de tarde para recuperación de lista de espera.
Plan de traballo
Consultas externas
Patoloxía cirúrxica dixestiva tumoral e benigna, patoloxía venosa periférica en membros inferiores (MM.II.), proctoloxía, patoloxía mamaria, tiroidea, tumoración de partes brandas, parede abdominal (hernias e eventracións).
Consulta de alta resolución en patoloxía mamaria, Unidade de Diagnóstico e Tratamento do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama (PGDPCM).
Consulta de alta resolución en patoloxía neoplásica de colon e recto.
Consultas xerais personalizadas para a valoración de primeiras consultas e consultas sucesivas (revisións: resultados, posoperatorias ou seguimento de altas hospitalarias).
O Servizo de CGD realiza ao ano en xornada ordinaria, máis de 6000 consultas, das que son primeiras consultas preto dun 40 % e consultas sucesivas, o resto.
Urxencias
Valoración de pacientes con dor abdominal en idade pediátrica e adultos, unha vez avaliados polo pediatra e o médico de urxencias respectivamente, feridas e infeccións de partes brandas que excedan o nivel da atención primaria ou urxencias, dor abdominal por patoloxía dixestiva urxente con indicación cirúrxica ou posibilidade de resolución operatoria: colecistites agudas, pancreatites agudas de orixe biliar, diverticulites, proctoloxía de urxencias (fisura anal aguda, abscesos perianais e sacros, crises hemorroidais agudas), atención a todo paciente que necesite unha intervención cirúrxica no ámbito da cirurxía xeral e dixestiva (perforación de víscera oca, apendicite, colecistites perforadas, perforación gástrica, obstrución intestinal, politraumatismos -accidentados- e feridas por arma etc.), pneumotórax, fracturas costais con criterios de ingreso ou con complicación pleuropulmonar aguda de solución cirúrxica, laparotomías/laparoscopias. Ademais, dá apoio a atención primaria, ao Servizo de Urxencias e ao resto dos servizos hospitalarios que o necesiten na valoración e manexo de pacientes con problemas susceptibles de seren cirúrxicos ou do noso campo de especialización.
O Servizo de CGD realiza preto de 1500 atencións a pacientes en urxencias, aproximadamente un 50 % sen ingreso, e intervén cirurxicamente uns 250 pacientes ao ano de forma urxente.
Ademais, o Servizo de CGD colabora na práctica de intervencións cirúrxicas urxentes doutras especialidades, ante a demanda e solicitude de medios profesionais especializados para a intervención, sobre todo de obstetricia e xinecoloxía.
Para esta actividade, hai asignado un facultativo todo o ano en horario de mañá e tarde e un facultativo localizado en horario de tarde e noite en días alternos. O servizo manifestou que esta dotación de persoal es insuficiente para dar cobertura á alta demanda de traballo, xa que na maioría dos días do ano, pola mañá o facultativo de garda atende en solitario a hospitalización de CGD, o pase de visita médica, os tratamentos, as probas, as curas, as interconsultas e a urxencia.
Interconsultas
O Servizo de CGD recibe case 1000 interconsultas ao ano doutros servizos hospitalarios, dando resposta a todas elas de forma electrónica. Solicitamos unhas 400 interconsultas ao ano, sobre todo aos servizos de Medicina Interna e Anestesia.
Hospitalización
Desde a ampliación no ano 2010, a unidade de hospitalización do Servizo de CGD está situada na 3.ª planta do hospital, con 8 habitacións dobres, entre a 300 e a 308.
A estancia media dos nosos pacientes está na contorna de 5,5 días.
Tivemos 4 exitus no ano 2020, o que supón unha taxa de mortalidade do 0,7 %; no ano 2019 esta foi dun 0,5 %.
A nosa media de ocupación diaria é de aproximadamente 14 camas/día.
Quirofanos
Desde o ano 2017, coa apertura da nova área cirúrxica, disponse de 5 modernos e amplos quirófanos.
No ano 2019 operamos 1102 pacientes, dos que foron cirurxía menor 286; 292 operáronse en réxime de cirurxía maior ambulatoria (CMA); 524 pacientes operáronse con ingreso.
Destaca a atención e a alta resolución do réxime de cirurxía maior ambulatoria (CMA), que fundamentalmente se desenvolve en horario de tarde, desde o ano 2001.
Quirofaniños
Empréganse dúas ou tres sesións mensuais de quirofaniño para a intervención de patoloxía menor sen ingreso e sen preparación preoperatoria previa.
Intervéñense anualmente ao redor de 250 pacientes.
Comités de cancro de mama e colon e recto
Somos partícipes das reunións semanais de dous comités de tumores: o de mama e o de colon e recto. Efectúanse reunións telemáticas semanais os luns e os martes, nas que se presentan conxuntamente os casos do Salnés e de Pontevedra, para a valoración multidisciplinar dos pacientes con diagnósticos de malignidade, en coordinación do noso servizo de CGD cos servizos de Anatomía Patolóxica, Radiodiagnóstico, Radioterapia, Oncoloxía e Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
Procesos e procedementos activos
- Cirurxía maior ambulatoria e con ingreso de hernia inguinal, hernia umbilical, hernias ventrais e laterais, eventracións etc. Patoloxía venosa: varices de MM.II., quistes sacros e patoloxía proctolóxica: hemorroides, fístulas e fisuras.
- Cirurxía laparoscópica avanzada e básica.
- Cirurxía do colon e do recto alto e medio, cirurxía do refluxo gastroesofáxico, cirurxía gástrica, colecistectomías, tiroidectomías totais ou hemitiroidectomías.
- Cirurxía mamaria radical e cirurxía conservadora mamaria (oncoplastia) con baleirado ganglionar axilar ou con biopsia selectiva do ganglio sentinela.
- Laparoscopia diagnóstica ou biopsias de estruturas abdominais ou retroperitoneais. Laparotomía.
- Apendicectomía.
- Biopsias de vasos sanguíneos, biopsias ganglionares ou neurais periféricos.
- Pneumotórax espontáneo ou traumático, drenaxe endotorácica (DET).
ACTIVIDADE CIENTÍFICA
Membros de varias sociedades galegas e nacionais de cirurxía e patoloxía dixestiva.
Os membros do servizo de CGD participan en estudos, publicacións e reunións científicas. O ano 2020 foi un mal ano para a asistencia a cursos e reunións. Pola pandemia, canceláronse todas as actividades presenciais; con todo, participouse en varias WEBINAR da especialidade.
LIGAZÓNS RELACIONADAS
Asociación Española de Cirujanos (AEC)
Sociedade Galega de Patoloxía Dixestiva (SGPD)
Sociedade de Cirurxía de Galicia (SOCIGA)
Asociación Española de Cirujanos de la Mama (AECIMA)
Asociación Española de Coloproctología (AECP)
Grupo GEICAM de Investigación en Cáncer de Mama
National Comprehensive Cancer Network (NCCN)
Asociación Española de Cirugía Mayor Ambulatoria (ASECMA)