Garantías de tempos máximos

A Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias no seu capítulo II refírese aos «tempos máximos de acceso e sistema de garantías». Así, o seu artigo 5 establece que, para os procedementos e situacións clínicas que así se determinen no seu desenvolvemento regulamentario, os/as pacientes que requiran atención sanitaria hospitalaria de carácter programado e non urxente terán garantida esta atención nuns tempos máximos máis reducidos que os previstos na normativa vixente para a totalidade dos procesos.

Así, a dita lei establece, para os procedementos e situacións clínicas que así se determinen no seu desenvolvemento regulamentario, un máximo de 60 días nas intervencións cirúrxicas, e de 45 días para consultas externas e probas diagnósticas e/ou terapéuticas, contados en días naturais a partir da data de entrada no rexistro de pacientes en espera, que a mesma lei crea no seu artigo 29.

Por tanto, a Lei 12/2013, do 9 de decembro, vén consolidar a utilización da gravidade dos procesos como criterio de xestión dos tempos de resposta, priorizando a atención aos/ás pacientes de acordo co seu estado de saúde. Por tanto, na selección de procedementos deberase ter en conta a gravidade das patoloxías, a efectividade da atención sanitaria e a oportunidade da atención que favorezan a recuperación da funcionalidade ou evitar a progresión da enfermidade.

Prazos máximos de espera

De conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, e no Real decreto 1039/2011, do 15 de xullo, os/as pacientes inscritos no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia teñen dereito a que se respecten os seguintes prazos máximos para a prestación da asistencia sanitaria:

  1. Intervencións cirúrxicas: 60 días naturais para as intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes correspondentes aos diagnósticos recollidos no anexo I dos/das pacientes incluídos/as no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.
  2. Consultas externas: 45 días naturais para primeiras consultas externas programadas e non urxentes recollidas no anexo II, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión.
  3. Probas diagnósticas e/ou terapéuticas: 45 días naturais para primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes recollidas no anexo III, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión.

Non se computarán nos tempos de garantía previstos as situacións transitorias de espera de pacientes non programables que, segundo a normativa vixente, teñan lugar por motivos clínicos coñecidos polo/a paciente ou pola propia vontade deste/a. Estas situacións quedarán debidamente documentadas na historia clínica e nos correspondentes sistemas de información.​​

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.