Que é o documento de instrucións previas?

20210608_instrucionesPrevias_image001.jpg


Que é o documento de instrucións previas?

É un documento no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, co fin de que esta sexa cumprida no momento no que chegue á situación na cal non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo e dos seus órganos.

Cal debe ser o contido deste documento?

Deberá conter:

a) Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante, chegada unha situación en que polas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente.

b) Instrucións sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento.

No documento tamén se poderá nomear unha persoa representante para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co equipo sanitario para procurar o cumprimento das instrucións previas.

Como se outorga o documento de instrucións previas?

Debe formalizalo mediante algún dos seguintes procedementos:

a) Ante tres testemuñas maiores de idade e con plena capacidade de obrar, das cales dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante.

b) Ante notario (sen necesidade de testemuñas).

c) Ante o persoal do Rexistro Galego de Instrucións Previas ou ante o persoal das unidades habilitadas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Que necesita para a formalización do documento na unidade habilitada?

Deberá cubrir o modelo creado para tal efecto dispoñible na Web do Servizo Galego de Saúde ou pode facelo na propia unidade habilitada acudindo persoalmente provisto do DNI en vigor, en Atención ao Paciente no Hospital Provincial, na planta baixa do edificio central, acceso pola parte de atrás do hospital e con previa cita nos teléfonos:

  • 989 80 83 15
  • 986 80 05 62

Existe a posibilidade de revogar o documento?

En calquera momento o documento de instrucións previas poderá ser obxecto de substitución ou de revogación por parte da persoa outorgante.

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.