Protocolo funcionamento do espazo para asociación de pacientes

ESPAZO ASOCIATIVO DA ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS

O novo Espazo Asociativo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é un lugar orientado a promover a comunicación directa entre os pacientes e as asociacións de pacientes. As asociacións de pacientes teñen como finalidade prestar un apoio adicional aos pacientes e as súas familias en aspectos que complementan a atención prestada nos diferentes centros sanitarios.

Obxectivos:

O espazo asociativo responde aos seguintes obxectivos:

  • Facilitar as funcións das asociacións de pacientes relativas a información, asesoramento, orientación e captación de interesados.
  • Promover a interacción entre as asociacións e os centros sanitarios na actividade diaria.
  • Crear un entorno de coñecemento mutuo entre as asociacións, os profesionais e a propia xerencia.

Actividades:

As actividades a realizar no Espazo Asociativo terán como finalidade a información, asesoramento, orientación e captación de pacientes e familias interesadas por parte das asociacións de pacientes.

O Espazo Asociativo é un lugar destinado exclusivamente aos fins sinalados, excluíndo outros usos, tales como, o mantemento de reunións ordinarias das asociacións ou o estudo individual de casos.

En particular, este espazo non debe utilizarse para ningún fin ou accións que non estean directamente relacionadas cos obxectivos sinalados.

Sala e equipamento:

O espazo está composto por un despacho situado en cada un dos centros hospitalarios de Pontevedra, e equipado con mobiliario.


NORMAS DE USO COMÚN DO ESPAZO ASOCIATIVO

A Xerencia garantirá que a cesión conxunta do espazo asociativo ás asociacións de pacientes obedeza a criterios de equidade, flexibilidade e eficiencia, atendendo aos requisitos de uso común determinados no presente protocolo.

Destinatarios e requisitos de uso:

Poderán facer uso do Espazo Asociativo todos os membros das Asociacións de Pacientes que solicitarán a cesión temporal de uso deste espazo, nas condicións que se determinan neste documento.

Servizos:

Cesión temporal de espazos comúns e recursos técnicos para os obxectivos e actividades contempladas neste protocolo.

Calendario:

Anualmente, a Xerencia elaborará un calendario no que se detalla o plan de presenzas no espazo, determinando os días e horario asignado a cada asociación. Este calendario estará accesible en todo momento para as asociacións e os pacientes, e será actualizado cando se produzan variacións na planificación inicial.

Condicións de funcionamento:

  • Todas as asociacións usuarias teñen idénticos dereitos de uso e aproveitamento do espazos, recursos e servizos, adecuándose á dispoñibilidade destes.
  • Todas as persoas e entidades usuarias teñen iguais obrigas respecto á correcta utilización do espazo, recursos e servizos, conforme ao presente protocolo e outras posibles normativas internas aplicables.
  • A cesión de uso do espazo por parte da Xerencia ten carácter temporal e está suxeita ás necesidades de todas as asociacións en conxunto.
  • Toda entidade, grupo, asociación, colectivo ou persoa usuaria adecuará o desenvolvemento das súas actividades ás condicións, horario e calendario de servizos establecidos pola Xerencia.
  • O espazo é compartido por varias asociacións e persoas, sen que poida ser considerado de uso exclusivo da asociación que o utiliza, podendo darse os reaxustes e recolocacións precisas co obxecto de optimizar ao máximo o seu aproveitamento e o cumprimento dos obxectivos establecidos.
  • O uso do espazo é gratuíto para as asociacións.
  • Os horarios establécense, en todo caso, como límites de utilización. Como norma xeral, os diferentes espazos e servizos funcionarán de 08:00 h a 19:00 horas.
  • A xerencia resérvase a decisión de revogar o uso deste espazo e/ou trasladalo a outro local disponible, no caso de que sexa necesario por motivos asistenciais.

Distribución de horario do uso do espazo:

  • As asociacións poderán facer uso das instalacións dentro dos horarios e o calendario establecido polo centro a tal efecto.
  • As asociacións non poderán facer uso do local no horario que teña asignado outra asociación.
  • O máximo de horas de uso por cada asociación poderá delimitarse dependendo das actividades a realizar e do tempo de uso dispoñible para as asociacións interesadas.
  • O uso do local en horario libre dispoñible estará aberto á participación de calquera asociación, debendo prevelo con anticipación e comunicalo á Xerencia.
  • A xerencia será a encargada de distribuír os horarios entre as diferentes asociacións, procurando chegar a un consenso entre todas elas sobre a planificación de uso do espazo.

CESIÓN DE USO DO ESPAZO

As asociacións solicitarán o uso temporal do Espazo Asociativo mediante o Anexo I ante a Secretaría da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra O Salnés. O formulario pode remitirse ao enderezo secretariaxerencia.pontevedra@sergas.es. Unha vez recibida a conformidade da xerencia que corresponda, comprometeranse ao seu uso adecuado atendendo as seguintes normas:

  • Realizar as actividades para as que se autoriza o uso do local, axustándose aos obxectivos establecidos.
  • Utilizar coidadosamente as instalacións, servizos e equipamento dispoñibles. Os danos que se orixinen por neglixencia ou mal uso das instalacións ou recursos serán reparados pola asociación que corresponda.
  • Dar conta á xerencia das modificacións que poidan xurdir na realización das súas actividades e comunicar calquera eventualidade que poida dificultar a boa marcha do servizo.
  • Cada asociación ao finalizar a súa actividade deixará o local en perfectas condicións de uso para a seguinte asociación que por quenda lle corresponda, comunicando por escrito á Xerencia calquera incidencia ou anomalía de funcionamento, roturas, deficiencias ou incumprimento do disposto no presente protocolo.
  • Cumprir as normas de seguridade e hixiene do centro no uso do espazo asignado.

De forma expresa non está permitido nas instalacións:

  • Almacenar efectos ou bens propios da entidade, agás nos casos en que se solicite previamente e se reciba autorización expresa.
  • Colocar carteis, publicidade ou elementos decorativos nos diferentes espazos sen a autorización previa do centro.
  • De forma especial, queda prohibida toda publicidade que sexa contraria aos dereitos humanos e principios éticos fundamentais.
  • Introducir mobiliario, equipamento técnico ou informático, ou software informático sen a autorización expresa previa do centro.
  • Non se permite comer agás nas dependencias destinadas a tal fin.
  • O acceso de animais, agás o establecido pola normativa vixente para os cans guías.​

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.