As probas cutáneas de alerxia ou prick test son unhas probas que se fan sobre a pel, co obxecto de identificar a substancia que pode desencadear unha reacción alérxica no paciente. Para realizala, introdúceselle na pel unha cantidade ínfima do posible axente causante da alerxia. A esta substancia que desencadea unha alerxia chamámoslle alérxeno. Pero se estamos tomando algúns medicamentos, esas probas serán negativas e teremos “falsos negativos”; por este motivo, usamos controis (soro salino e histamina), para saber se lle podemos facer as probas ao paciente.
O PACIENTE QUE VAIA REALIZAR A PROBA NON PODERÁ TOMAR OS SEGUINTES MEDICAMENTOS:
- ANTIHISTAMÍNICOS (Ebastel®, Polaramine®, Atarax®, Zyrtec®, Clarityne®, Alerlisin®, Optimin®, Triludan®, Mizolen®, Zolistran®, Civeran®, Virlix®, Velodan®, Mircol®, Telfast®, Rinoebastel®, Narine®, Aerius®, Xazal®, Loratadina®, Cetiricina®, Rupatadina®, Rupafin®, Azomyr®, Obalix®, Bilaxten® etc.) nos ÚLTIMOS SETE DÍAS.
- ANTIDEPRESIVOS TRICÍCLICOS (Tryptizol® etc.).
- Medicamentos PARA O CATARRO (Frenadol®, Desenfriol®, Couldina®, Rinofrenal®, etc.).
- Medicamentos PARA O MAREO.
- CORTICOIDES TÓPICOS NA ZONA DA REALIZACIÓN das PROBAS (cara anterior do antebrazo no prick).
- ZASTEN® (é un antihistamínico) hai que suspendelo 15 días antes.
PARA FACER PROBAS CUTÁNEAS CON ALIMENTOS EN PRICK-PRICK:
- Se se trata de alimentos que se cociñan, como o marisco, pescados etc., traerá dúas pezas ou dous anacos, un CRU e outro COCIDO. Exemplo: gamba ou lagostino, anaco de nécora etc.
TEÑEN QUE SER COCIDOS POR SEPARADO E TRAERANSE EN RECIPIENTES SEPARADOS.
- SE SE TRATA DE FROITAS, TRÁESE UN ANACO ou UNHA PEZA tal cal.
- Se son legumes, verduras etc., traerase un anaco, unha peza ou unha pequena cantidade crúa (no caso de lentella, garavanzo etc., poñeranse en auga desde o día anterior) e outra parte cocida. Exemplo: lentellas, unha pequena cantidade crúa e a outra cocida.
TEÑEN QUE SER COCIDOS POR SEPARADO E TRAERANSE EN RECIPIENTES SEPARADOS.
Para a realización do prick-prick necesitamos unha pequena cantidade do alimento, non máis grande ca o tamaño dunha noz.