Asociación Española Contra o Cancro

Que é a AECC?

É unha institución con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, de carácter benéfico asistencial e sen fin de lucro fundada en 1953 e declarada de utilidade pública en 1970, cuxo fun principal é a loita contra o cancro en todas as súas modalidades coñecidas ou que nun futuro se coñezan, mediante o desenvolvemento de funcións e actividades de divulgación, de prevención, de investigación, de formación e de carácter sanitario e asistencial, poñendo para iso cantas medidas considere adecuadas.

Actividade do voluntariado a través de programa do Carriño Don Amable

20210621_AECC_Image_001.jpg 

O Servizo Galego de Saúde pon a disposición da Asociación, tanto no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra como no Hospital do Salnés, os recursos necesarios para que a asociación poida iniciar un programa de atención a pacientes con cancro, o desenvolvemento da actividade do voluntariado a través de programa do Carriño Don Amable. O alcance deste programa son os pacientes e coidadores que están sendo atendidos por patoloxía oncolóxica en unidades de hospitalización con ingreso ou de día.

O obxectivo principal é acadar a excelencia do servizo e atención o/a enfermo/a oncolóxico e as súas familias, proporcionando acompañamento ao enfermo/a e á súa familia cando as condicións do/a paciente o faciliten e non exista impedimento por parte dos afectados/as e do persoal sanitario responsable, ofrecendo bebidas/alimentos (previamente autorizados polos responsables sanitarios da unidade), revistas, periódicos e información sobre a AECC a aqueles/as pacientes e familiares que o desexen e suplindo ao coidador/a e á súa familia para facilitar a expresión de emocións asociadas co diagnóstico e o proceso da enfermidade e do seu tratamento.

Ambas as dúas institucións teñen o firme propósito de dar unha resposta integral á crecente necesidade respecto da atención dos enfermos con cancro, tendo en conta todos os aspectos físicos, emocionais, sociais e espirituais, mediante unha actuación directa das persoas, sobre todo en situación de enfermidade avanzada, no propio centro sanitario e conxuntamente cos equipos domiciliarios.

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.