A nosa historia: unha viaxe polo tempo

Somos unha organización cunha longa traxectoria no tempo, que se inicia hai máis de 120 anos cando o Hospital Provincial prestaba atención sanitaria como hospital de beneficencia a Pontevedra e a súa comarca.

A principios dos anos 70, coa inauguración, tamén en Pontevedra, do Hospital Montecelo, unha institución que formaba parte da Rede de Residencias Sanitarias do Estado, é cando a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sofre un importante incremento de recursos estruturais e calidade asistencial.

Un período clave na nosa historia ten lugar no ano 1998, cando se constituíu o Complexo Hospitalario de Pontevedra, polo Decreto 229/1998 do 24 de xullo, que contemplaba a integración dos dous hospitais, o coñecido como Hospital Provincial e a Residencia, co obxectivo de crear unha soa organización e así poder prestar unha mellor atención aos nosos pacientes e aos seus familiares.

Outro momento importante foi a creación da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde, co Decreto 168/2010, do 7 de outubro, onde se quería superar a fragmentación organizativa e favorecer a continuidade asistencial con atención primaria. Máis adiante, coa incorporación do Hospital Público do Salnés, co Decreto 162/2011, do 28 de xullo, estableceuse a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.

Con posterioridade, e tras esta longa experiencia de integración, o Decreto 134/2019, do 10 de outubro, veu regular as áreas e distritos sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia. E é a partir de aí cando a nosa organización, como área sanitaria acada a súa plena dimensión e se atopa nunha inmellorable situación para garantir o fortalecemento da atención primaria e a incorporación de novos servizos asistenciais hospitalarios.

A culminación de todos estes procesos será o novo Hospital GRAN MONTECELO que definitivamente agrupará os dous hospitais primixenios de Pontevedra nun só centro e permitiranos, coa nosa atención primaria e o noso distrito do Salnés, achegar unha atención sanitaria á altura das expectativas dos nosos pacientes. A mellora continua da calidade asistencial, a docencia e a investigación constitúen elementos primordiais na nosa organización. Na actualidade atende a unha poboación de referencia próxima aos 300 000 habitantes, con 44 centros de saúde, 9 PAC, 3 hospitais e un centro de especialidades, entre outros dispositivos.​

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.