Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUP

PRESENTACIÓN DO SERVIZO

O Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia estrutúrase dentro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e O Salnés para dar cobertura aos procesos médicos e cirúrxicos relacionados coa saúde da muller e para a atención ao control do embarazo e as patoloxías obstétricas máis comúns. Atópase localizado no edificio do Hospital Provincial de Pontevedra. Non dispón de toda a carteira de servizos que ofrecen outros hospitais, debido á súa condición de hospital de II nivel. Así e todo, grazas ao traballo en rede de todos os hospitais da CC.AA., podemos contar con hospitais de referencia en determinados procesos para realizar as consecuentes derivacións para o tratamento de casos que, pola súa complexidade ou pola necesidade de emprego de determinadas tecnoloxías, centralizáronse no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), o noso centro de referencia.


PROFESIONAIS DO SERVIZO

Responsable do servizo

Dr. Eloy Moral Santamarina

Xefes de sección

Dra. Isabel Pardo Pumar

Dr. Antonio López Portela


Persoal facultativo

Facultativos especialistas de área: 18

Médicos internos residentes: 4


Persoal de enfermería

Supervisoras:

· Sandra Otero Penelas

· Natalia Alonso Martínez

· María del Carmen Alfonsín Comedeiro

Enfermeiras/os:

Técnicos en coidados auxiliares de enfermería:


LOCALIZACIÓN E CONTACTO

A actividade hospitalaria distribúese en varias consultas de patoloxías xerais xinecolóxicas, obstetricia de baixo e alto risco, patoloxía cervical, oncoloxía xinecolóxica, esterilidade e xinecoloxía funcional e disfuncións do solo pélvico. A maioría destas consultas están dotadas de ecógrafos. Existen tamén dous gabinetes especiais de ecografía de alta resolución, unha sala especial de endoscopia xinecolóxica ambulatoria e unha sala de monitorización fetal anteparto.

Dentro do hospital, na sala de partos o traballo distribúese en catro salas de dilatación, unha delas con bañeira, dous paritorios, unha sala de puerperio inmediato e un quirófano de urxencias obstétricas.

A actividade de consulta xerarquizada lévase a cabo no Centro de Especialidades de Mollavao; distribúese en tres consultas, ademais dunha adicional na Área de Planificación Familiar, a cal dispón de un xinecólogo, unha matrona, un psicólogo e unha secretaria.

O contacto pódese establecer chamando telefonicamente á centraliña do hospital e dirixindo as chamadas ás secretarías oportunas de xinecoloxía ou obstetricia.


CARTEIRA DE SERVIZOS

A carteira de servizos xinecolóxicos comprende o estudo da patoloxía xinecolóxica xeral; disfuncións do solo pélvico (propaso, incontinencia urinaria e dor), diagnóstico e tratamento dos procesos oncolóxicos xinecolóxicos, diagnóstico e tratamento da patoloxía cervical e tracto xenital inferior, estudo da infertilidade e esterilidade, así como tratamentos básicos de indución de ovulación e inseminación conxugal artificial, estudo da patoloxía funcional xenital e técnicas de imaxe ecográficas e histeroscópicas diagnósticas.

No referente ao embarazo, realízase o seguimento conxunto coa atención primaria do embarazo de baixo risco, a atención do embarazo de alto risco, os procedementos de seguimento e control ecográfico de alta resolución do embarazo (ecografias do 1.º, 2.º e 3.eiro trimestre), os procedementos de diagnóstico xenético non invasivo (test de ADN fetal en sangue materno), así como os invasivos (biopsia cordial e amniocentese) e os procedementos non invasivos de monitorización do benestar fetal anteparto.

No paritorio lévanse a cabo partos eutócicos, instrumentais e cesáreas. Existe monitorización estática e telemática, en función das necesidades.

A actividade que precisa derivación a centros de referencia comprende fundamentalmente as técnicas de reprodución avanzada (FIV, ICSI), os casos de cancro xinecolóxico con extensa afectación peritoneal para peritonectomías e cirurxías de especial complexidade; centralízanse no CHUS. Determinados estudos de ecocardiografía fetal derívanse ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e casos de transfusión fetofetal derívanse ao Hospital Clínic de Barcelona.

Casos de carcinomas de vulva que se poidan beneficiar de técnicas de ganglio sentinela derívanse ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Formamos residentes de xinecoloxía (un por ano), residentes de medicina familiar e comunitaria, impartimos docencia pregrao para o alumnado da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e, ocasionalmente, no verán recibimos estudantes norteamericanos en labores de observación de campo e adquisición de habilidades.


ACTIVIDADE CIENTÍFICA

O labor desenvolvido é fundamentalmente clínico, pero tamén se realizan sesións clínicas do servizo ou conxuntas con outros servizos (pediatría, fundamentalmente). Dáse unha participación importante en cursos de formación, tanto presenciais como telemáticos (este último ano), e en congresos da especialidade, con relatorios específicos, invitación a cursos avanzados de laparoscopia como persoal docente e organización de reunións científicas e congresos da especialidade.

Contamos cun extenso número de traballos orixinais de investigación publicados en revistas, así como comunicacións en congresos da especialidade.

No noso servizo contamos con dous xinecólogos que posúen o título universitario de Doutor, un titor de residentes e un titor de alumnos de pregrao.


LIGAZÓNS RELACIONADAS

Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía

Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia (SEGO)​​​​

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.