PRESENTACIÓN
A Sección de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é un servizo sanitario especializado, constituído por un equipo multidisciplinar de profesionais, coordinado por facultativos especialistas en endocrinoloxía e nutrición. Esta especialidade é a rama da medicina que se ocupa do estudo da fisioloxía e patoloxía do sistema endócrino, do metabolismo das substancias nutritivas, da nutrición natural e artificial, da promoción da saúde mediante a prevención das enfermidades relacionadas coa dieta e das correspondentes técnicas diagnósticas, terapéuticas e preventivas utilizadas nestas áreas do coñecemento médico.
A parte máis importante do noso labor asistencial realízase no ámbito ambulatorio, a cal se complementa coa asistencia dos pacientes hospitalizados que requiran a nosa atención.
O noso labor hospitalario non consiste unicamente en atender os pacientes ingresados ao noso cargo, senón en actuar como apoio ao resto de especialidades médicas e cirúrxicas na atención de pacientes con diabetes mellitus ou outras entidades endocrinolóxicas. Ademais, encargámonos do manexo do soporte nutricional adecuado para aqueles pacientes que así o precisen.
PROFESIONAIS DO SERVIZO
Responsable do servizo |
Dr. Pablo Fernández Catalina
Xefe de Sección |
Persoal facultativo |
Facultativos especialistas de área: 5
Médicos internos residentes: 1 |
Persoal de enfermería |
Supervisora: Cristina Pérez Gil
|
Enfermeiras: 4 |
Técnicos en coidados auxiliares de enfermería: |
LOCALIZACIÓN E CONTACTO
No Hospital Montecelo dispoñemos de 6 consultas médicas e 4 consultas de enfermería, localizadas na área de consultas externas da planta 0.
O teléfono de contacto da nosa secretaría é o 986 800 132.
CARTEIRA DE SERVIZOS
O Real Decreto 1030/2006, do 15 de setembro, establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e inclúe a carteira de servizos comúns da especialidade de Endocrinoloxía e Nutrición. Esta carteira de servizos foi posteriormente modificada polo Real Decreto-lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. Por outra banda, a Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN) definiu a carteira de servizos da especialidade, incluíndo a descrición das responsabilidades e obrigas en relación con aspectos asistenciais, docentes, de xestión e de investigación.
Aspectos asistenciais
A función asistencial do especialista en endocrinoloxía e nutrición inclúe na área hospitalaria as seguintes funcións:
- Asistencia aos pacientes propios con enfermidades do sistema endócrino e/ou do metabolismo e/ou patoloxía nutricional.
- Asistencia de pacientes con problemas da especialidade e ingresados noutros servizos (interconsultas).
- Cribado nutricional e valoración do estado nutricional dos pacientes ingresados, subsidiarios ou non de recibir unha intervención.
- Prescrición, control e seguimento de pacientes con soporte nutricional (oral, enteral, parenteral) no hospital.
- Xestión dos accesos para a administración de nutrición artificial (accesos venosos e dixestivos).
- Consulta externa de endocrinoloxía.
- Consulta externa de nutrición.
- Consulta de educación sanitaria.
Aspectos docentes
O médico especialista en endocrinoloxía e nutrición debe participar na formación pregrao e posgrao nas áreas médicas de Endocrinoloxía e Nutrición e Nutrición Humana e Dietética. Debe participar na formación dos médicos residentes da especialidade de Endocrinoloxía e Nutrición, así como doutras especialidades. Debe participar activamente nas actividades de formación continuada do persoal sanitario na súa área de saúde.
Aspectos relacionados coa xestión sanitaria
A xestión dos servizos, seccións ou unidades de endocrinoloxía e nutrición adecuarase á estrutura de cada centro, fomentando o desenvolvemento de unidades de xestión como modelo de excelencia.
A xestión da actividade, en todos os seus ámbitos, atenderá o modelo de calidade total, optimizando a eficiencia. Para iso, os membros dos servizos, seccións ou unidades de endocrinoloxía e nutrición comprometeranse coa Dirección do centro para definir obxectivos asistenciais, docentes, investigadores e de calidade. Serán, entre outros, os seguintes:
- Definir indicadores, os seus correspondentes estandares e monitorar o seu cumprimento.
- Definir normas de funcionamento da unidade.
- Organizar unidades multidisciplinares.
- Planificar a actividade asistencial e docente.
- Coordinar actividades con atención primaria.
- Coordinarse con outras especialidades.
- Controlar do gasto e da rendibilidade.
- Controlar a calidade.
Aspectos relacionados coa investigación
O endocrinólogo debe participar en labores de investigación clínica asociada á práctica asistencial, estudos epidemiolóxicos e investigación traslacional e participar nas campañas de saúde pública.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
A actividade da sección divídese en dúas: a consulta ambulatoria e a hospitalización (pacientes ingresados a cargo do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición e interconsultas hospitalarias).
Consultas externas
Nas consultas de endocrinoloxía aténdense diariamente pacientes con problemas endocrinolóxicos de todo tipo e aqueles con necesidade de valoración e/ou seguimento nutricional.
As consultas son personalizadas, é dicir, cada paciente é seguido habitualmente por un mesmo médico, excepto en situacións excepcionais.
Cabe apuntar que, ademais das consultas xerais, dispoñemos de consultas monográficas especializadas na atención de procesos que reúnen unha maior complexidade, tales como as enfermidades neuroendocrinolóxicas, a obesidade subsidiaria de tratamento cirúrxico, a diabetes que require sistemas tecnolóxicos avanzados para o seu tratamento ou monitoraxe etc.
Hospitalización e interconsultas a pacientes ingresados
A cargo da nosa sección ingresan aqueles pacientes que o precisen para o tratamento de diversas patoloxías endocrinolóxicas e nutricionais e tamén para a realización de probas funcionais que, pola súa complexidade, non poden realizarse ambulatoriamente.
Somos tamén consultores do resto das especialidades médicas e cirúrxicas do hospital. Realizamos a valoración e seguimento dos pacientes polos que se nos consulta, xa sexa por enfermidades ou por complicacións derivadas das glándulas endócrinas, da diabetes ou de trastornos nutricionais derivados do proceso polo cal están ingresados.
FORMACIÓN E INVESTIGACIÓN
A formación continuada de todos os profesionais é considerada pola Sección de Endocrinoloxía e Nutrición como un elemento prioritario e fundamental para manter e incrementar a calidade asistencial. Por este motivo, realízanse periodicamente actividades de formación organizadas desde a sección e, á súa vez, existe o compromiso de todos e cada un dos membros da sección de manter unha formación continuada das novidades diagnósticas e terapéuticas relacionados coa nosa especialidade.
Ademais de estarmos acreditados para a formación de médicos internos residentes (MIR) na nosa especialidade, colaboramos na formación de médicos e enfermeiras residentes doutras especialidades. Participamos tamén na docencia universitaria pre e posgrao relacionada coa nosa especialidade.
Os membros da sección formamos parte e colaboramos de forma activa nos proxectos coordinados desde a propia Sección de Endocrinoloxía e Nutrición e desde diferentes sociedades científicas e participamos activamente en diferentes áreas de coñecemento da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición.
Os compoñentes da Sección de Endocrinoloxía e Nutrición somos autores de numerosas publicacións en revistas científicas nacionais e internacionais de impacto dentro da endocrinoloxía e a nutrición, así como de numerosas comunicacións expostas en congresos científicos nacionais e internacionais.
Coordinamos e participamos en ensaios clínicos multicéntricos relacionados coa especialidade, cuxos resultados foron publicados en revistas de alto factor de impacto.
Fomentamos a actividade científica como parte da formación dos residentes e alumnos do Grao en Medicina e somos titores de varios Traballos de Fin de Grao (TFG).