Dereito á integridade física e psíquica.
Dereito ao máximo respecto posible da intimidade da persoa, en todos os centros, servizos e establecementos sometidos a esta lei, na prestación de actividades sanitarias tales como exploracións, coidados ou actividades de hixiene.
Dereito a que se reduza a presenza de profesionais, estudantes e investigadores, ou doutros usuarios, que non colaboren directamente na realización de tales atencións, cando así sexa expresamente solicitado.
Dereito a ser acompañado, polo menos, por unha persoa que manteña vínculos familiares ou de feito co paciente ou por unha persoa da súa confianza.
Dereito de toda muller a que se lle facilite o acceso ao proceso do parto a aquela persoa designada por ela para tal efecto.
Dereito das persoas menores a estaren acompañadas polos seus pais, titores ou gardadores.
Dereito das persoas incapacitadas a estaren acompañadas polos responsables legais da súa garda e protección.
Dereito a que se solicite consentimento informado nos termos establecidos na Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes e na Lei 3/2005, do 7 de marzo, de modificación da anterior.
Dereito á libre elección entre as opcións que lle presente o responsable médico do seu caso e a rexeitar o tratamento.
Dereito á confidencialidade sobre o seu estado de saúde, dos seus datos referidos a crenzas, relixión, ideoloxía, vida sexual, orixe racial ou étnica, malos tratos e outros datos especialmente protexidos.
Dereito a dispor en todos os centros, servizos e establecementos sanitarios do sistema público dunha carta de dereitos e deberes e máis a que esta sexa facilitada como marco de relación entre o centro sanitario e os seus usuarios.
Dereito do paciente a que quede constancia por escrito ou en soporte técnico adecuado de todo o seu proceso e a que ao rematar o episodio asistencial se lle entregue o informe de alta hospitalaria, de interconsulta de atención especializada e de urxencias.
Dereito a acceder á súa historia clínica e a obter os informes e os resultados das exploracións que sobre o seu estado de saúde ou enfermidade se inclúan nela, así como unha copia dos devanditos documentos.
Dereito a que se lle faciliten os informes ou as certificacións acreditativas do seu estado de saúde.
Dereito a que todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios teñan permanentemente á disposición dos usuarios formularios de suxestións e reclamacións, asemade estarán habilitadas canles na web institucional.
Dereito á asignación de persoal facultativo, que será o seu interlocutor principal co equipo asistencial, e, de ser o caso, do persoal de enfermaría responsable do seguimento e do plan de coidados.
Dereito á educación sanitaria e á información axeitada que propicien a adopción de hábitos e estilos de vida saudables.
Dereito a coñecer e identificar, de forma rápida e clara, o persoal que lle presta asistencia sanitaria.
Dereito das mulleres que sofren ou sufrisen violencia de xénero á atención sanitaria, incluído o dereito á asistencia psicolóxica gratuíta e ao seguimento da evolución do seu estado de saúde, ata o seu total restablecemento.
Dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo, en todos os supostos previstos pola normativa vixente aplicable.
Dereito á accesibilidade das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ás instalacións e aos servizos sanitarios, consonte os principios de normalización, accesibilidade universal, deseño para todos e transversalidade.
Deber de cumprir as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servizos sanitarios.
Deber de manter o debido respecto ao persoal que presta os seus servizos no ámbito do sistema público.
Deber de coidar as instalacións e colaborar no mantemento da habitabilidade das institucións sanitarias.
Deber de usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidas polo sistema sanitario.
Deber de manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro.
Deber de asinar os documentos de alta voluntaria cando non desexe a continuidade do tratamento que se lle dispensa. Porén, o feito de non a aceptar non determinará a alta inmediata cando existan outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos e o ou a paciente desexe recibilos. Neste último caso, tal situación deberá quedar debidamente documentada despois da información correspondente.
Deber de cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades.
Deber de facilitar información veraz dos datos de filiación, identificación e do estado de saúde que sexan necesarios no seu proceso asistencial ou sexan solicitados por razóns de interese xeral debidamente motivadas.
Deber de aceptar a alta cando rematase o seu proceso asistencial, cando se comprobase que a situación clínica do ou da paciente non melloraría prolongando a súa estadía ou cando a complexidade do proceso aconselle o seu traslado a un centro de referencia.
Deber de cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lle outorguen a través desta lei.
Deber de comunicarlle ao sistema sanitario, coa maior brevidade posible, a non utilización por calquera causa dun servizo programado previamente.