XESTIÓN AMBIENTAL DA ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, dispón dun sistema de Xestión Integrado de Calidade nas normas UNE-EN ISO 14001:2015 e UNE-EN ISO 9001:2015. Os principios deste modelo son coherentes coa estratexia de calidade da área no desenvolvemento da súa misión de contribuír ao coidado e mellora da saúde dos nosos pacientes e promover a calidade de vida dos cidadáns, a protección do medio ambiente e no obxectivo primordial de prestar servizos sanitarios baseados na máxima efectividade, calidade, seguridade e equidade, humanizados e orientados a satisfacer as necesidades de saúde e as expectativas dos pacientes.
Dentro da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, desde o ano 2010, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, ten implantado un sistema de xestión ambiental, baseado na Norma ISO 14001, o cal facilita que unha organización controle todas as súas actividades, servizos e produtos que poidan causar algún impacto sobre o medio ambiente e poder dar resposta ás condicións ambientais cambiantes.
Isto implica, entre outros aspectos:
- Realizar anualmente unha análise do contexto, tanto interno como externo, no que se sinalen as debilidades e as fortalezas do sistema, no caso da análise do contexto interno, e as oportunidades e ameazas, no caso da análise externa.
- A determinación de riscos e oportunidades mediante a elaboración de matrices de riscos e oportunidades, a partir da análise de contexto, que se revisa anualmente.
- A identificación e avaliación do cumprimento de requisitos legais ambientais que nos aplican.
- A identificación e avaliación dos Aspectos Ambientais das actividades, tanto asistenciais como non asistenciais, que se realizan nos Hospitais Montecelo e Provincial, (residuos, verteduras, ruídos ...), que poden interactuar co medio, e que deben ser controladas, sinalando aqueles aspectos ambientais significativos, e establecendo sobre algún deles áreas de mellora, co obxecto de tentar controlar o impacto que producimos no medio ambiente, tamén desde o punto de vista do ciclo de vida.
- A elaboración de indicadores dos principais aspectos ambientais.
- O establecemento de obxectivos anuais de mellora.