Escola Universitaria de Enfermería Pontevedra

A Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra ten como antecedente histórico a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios (ATS) creada en 1974. Catro anos despois solicitouse a súa conversión a Escola Universitaria de Enfermería con adscrición á Universidade de Santiago, o que se lle concedeu o 10 de novembro de 1978 (Real Decreto 3117/1978, do 10 de novembro. Boletín Oficial del Estado, 9, do 10 de xaneiro de 1979, p. 514). En 1990, coa división do espazo universitario galego en tres universidades, a Escola de Enfermería de Pontevedra foi transferida e adscrita á Universidade de Vigo.

En 1981 diplomouse a primeira promoción dos estudos universitarios de enfermería e desde entón finalizaron trinta e dúas promocións (ata o ano 1990 pola Universidade de Santiago de Compostela e despois, ata 2013, pola Universidade de Vigo), cun número de titulados próximo aos 2000 enfermeiros/as.

Desde 2010 impártense estudos de grao, por acreditación da Universidade de Vigo e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA). Ata o de agora culminaron os estudos de grao sete promocións. No primeiro curso, o número de alumnos matriculados é de cincuenta e o total por ano académico sobrepasa os douscentos.

Prácticas clínicas:
As prácticas clínicas son materias independentes. Estrutúranse en cinco materias, programadas para seren realizadas, segundo un mapa predeseñado, a partir do segundo semestre do segundo curso, unha vez impartida a formación básica e parte da formación obrigatoria.
O conxunto das prácticas clínicas permítelle ao estudante incorporar os valores profesionais, competencias de comunicación asistencial, razoamento clínico, xestión clínica e xuízo crítico, integrando na práctica preprofesional os coñecementos, habilidades e actitudes da enfermería, baseados en principios e valores, asociados ás competencias das materias que conforman o título. Tamén lle permiten a aplicación dos coñecementos teóricos e metodolóxicos da enfermería cun desenvolvemento gradual, ao estaren deseñadas por niveis de dificultade crecente na adquisición das competencias. 


Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.