Consulta de lactación do Hospital Público do Salnés

A lactación materna é un acto natural, con múltiples beneficios para nais, fillos, familias e sociedade.

Durante este proceso poden xurdirnos dúbidas nas que necesitamos sentirnos apoiadas desde o embarazo ata o destete. Moitos estudos demostran que o acompañamento de familiares, profesionais sanitarios e grupos de apoio son fundamentais no inicio e no mantemento da lactación.


Que é a consulta de lactación?

20240507_lactacion_salnes_001.png 

A consulta de lactación do Hospital do Salnés empezou a súa andaina en xaneiro de 2023.

Creouse para prestar unha atención global á lactación materna, proporcionando información durante o embarazo, asistencia durante o ingreso na planta de maternidade e solución ás dúbidas que xurdan durante o tempo que a nai aleite o seu fillo tras a alta e ata o destete.

Tamén apoia as nais que decidiron darlles fórmula artificial aos seus fillos, tras estaren debidamente informadas, instruíndoas nos coidados que fomenten o vínculo nai-acabado de nacer e na preparación e administración correcta do sucedáneo da lactación materna.

En definitiva, ofrece un asesoramento adaptado á situación concreta de cada nai e á da súa familia.


Quen está á fronte da consulta?

20240507_lactacion_salnes_002.png 

A persoa que a asesorará é unha matrona e, ademais, consultora de lactación materna certificada (IBCLC, International Board-Certified Lactacion Consultant), que posúe habilidades e coñecementos para proporcionarlle axuda cualificada sobre a lactación materna.


Como podo acceder á consulta de lactación?

20240507_lactacion_salnes_003.png 

No momento da alta facilitaráselle o teléfono da consulta, para que poida solicitar atención telefónica ou presencial, dependendo do motivo que a preocupa.

Se non deu a luz no noso hospital, os teléfonos nos que pode solicitar apoio para a lactación son:

  • Luns a venres (8.00-15.00 h): 689 291 398
  • Tardes e fins de semana: 986 568 058

En que me poden axudar?

20240507_lactacion_salnes_004.png 

Na consulta de lactación abordamos calquera situación que se poida presentar ao redor da lactación materna:

  • dúbidas durante o embarazo sobre se poderá aleitar (enfermidades propias, malas experiencias previas),
  • dor ao aleitar, gretas,
  • dificultades de agarre ao peito,
  • ingurxitacións,
  • insuficiente ganancia de peso,
  • obstrucións, mastites, hiperprodución...
  • freo sublingual/anquiloglosia,
  • compatibilidade de fármacos e enfermidades maternas coa lactación materna,
  • incorporación ao traballo: extracción de leite e conservación da lactación materna,
  • relactacións ou indución da lactación,
  • destete
  • e calquera outra circunstancia que a preocupe.

Outros servizos da consulta de lactación:

20240507_lactacion_salnes_005.png 

  • Banco de libros relacionados coa lactación materna e a crianza.
  • Charlas informativas (2 xoves ao mes):
    • Cales son as necesidades dos nosos nenos tras naceren.
    • Comportamentos normais dos acabados de nacer durante os primeiros días.
    • Contacto pel con pel e inicio temperán da lactación.
    • Beneficios da lactación materna.
    • Sinais de fame.
    • Correcta técnica para aleitar: postura da nai, posición e agarre do bebé.
    • Interferencia de chupetes e de mamadeiras nun neno coa lactación materna.
    • Sinais que nos indican unha correcta alimentación.
    • Coidados da pel, do cordón…
    • Porte.
    • Extracción prenatal de costro.

Lembre que o feito de estarmos informadas permítenos tomar as decisións correctas, así como afrontar dificultades da mellor maneira posible.


Ligazóns

Páxinas WEB:

Parir en el siglo XXI, documental interactivo.

Federación de Matronas de España: Iniciativa Parto Normal. Guía para Madres y Padres.

Ministerio de Sanidade: Plan de Parto y Nacimiento.

Ministerio de Sanidade: Atención al Parto Normal. Guía dirigida a mujeres embarazadas, a futuros padres, así como a sus acompañantes y familiares.

Ministerio de Sanidade: Pastillas para el dolor del parto.

Ministerio de Sanidade: Guía para las mujeres que amamantan.

Asociación Española de Pediatría: Preguntas más frecuentes sobre lactancia materna.

Canal UNED: Documental Un cambio de paradigma en la asistencia al parto (I).

Canal UNED: Documental Un cambio de paradigma en la asistencia al parto (II).


Canles youtube:

Programa TELEITE: Unha formación á carta en lactación materna.

Ebrefisio.

Cristina Martínez Miró (ioga).

Suelo Firme (suelo pélvico).

Ola matrona. A Coruña.

Asociación Galega de Matronas.

LactApp (lactanción materna).


Páxinas instagram:

Comadrona en la Ola. Naza Oliveira Belart. @comadronaenlaola

Laia Casadevall. Matrona. @laiacasadevall_matrona

Shiran Efraty. Matrona. @shiranefraty


Fotos:

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.