INFORMACIÓN PARA OS PACIENTES PENDENTES DE FACEREN PROBAS EPICUTÁNEAS

  • A proba epicutánea (test do parche) consiste na aplicación sobre a pel dun ou varios axentes responsables de reaccións cutáneas de contacto, co fin de confirmar unha resposta de hipersensibilidade retardada.
  • Utilízase para o diagnóstico de reaccións cutáneas producidas por contacto e menos frecuentemente para estudar reaccións adversas por medicamentos ou alimentos.
  • A súa aplicación realízase habitualmente sobre a pel das costas e excepcionalmente noutras localizacións. Os produtos para probar aplícanse sobre uns parches que se adhiren á pel por medio dun apósito adhesivo, que se debe manter durante 48 horas; nese tempo non se poderá mollar e evitarase o seu desprazamento. Tras 48 horas, retíranse o apósito e os parches e realízase unha lectura dos resultados obtidos. O resultado das probas valórase por medio de lecturas realizadas nos días sucesivos.
  • Durante os días que dure o estudo, pode facer vida normal, pero absterase de mollar a zona na que estean aplicados os parches (pódese duchar, pero sen mollalos). Evitará realizar exercicio físico, pois os parches pódense desprazar ou despegar coa suor.
  • No caso de afrouxarse o parche ou o apósito, este debe fixarse novamente con esparadrapo de papel suplementario e comunicarllo ao seu médico na seguinte visita.
  • No caso de observar reacción na área sinalada durante as tres semanas seguintes á última visita, debe tentar tomar unha foto das lesións e comunicarllo ao médico, xa que podería ser importante. Se ten algunha dúbida, non esqueza consultala.
MEDICAMENTOS QUE INFLÚEN NO RESULTADO DAS PROBAS

Sempre que sexa posible, débense realizar as probas 2 semanas despois de interromper os corticoides administrados por vía oral ou parenteral e, sobre todo, os corticoides tópicos na zona de realización das probas (costas).

Antihistamínicos. Pódese seguir con antihistamínicos orais durante as probas epicutáneas, xa que non afectan o resultado e no caso de produciren algún efecto, este é mínimo. Si habería que suspendelos unha semana antes (se é posible) nos casos nos que se sospeita dunha urticaria de contacto.​​​​​​​​

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.