PRESENTACIÓN DO SERVIZO
A misión da anatomía patolóxica é elaborar un diagnóstico histopatolóxico e citolóxico seguro e rápido a través da utilización e integración de técnicas morfolóxicas, inmunohistoquímicas, ultraestruturais, citoxenéticas e moleculares e obter así unha información de valor prognóstico e terapéutico co maior grao de eficiencia posible.
No Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) realízanse técnicas morfolóxicas, histoquímicas e inmunohistoquímicas, tanto no diagnóstico de biopsias (histopatolóxico) como de citoloxías (citolóxico), remitindo mostras a centros de referencia para diagnósticos, especialmente moleculares, que requiren metodoloxías que non están implementadas no servizo do CHUP.
PROFESIONAIS DO SERVIZO
Responsable do servizo
|
Xefe de Servizo: Dr. Álvaro Gómez Castro
|
Persoal facultativo
|
Facultativos especialistas de área: 9
|
Persoal de enfermería
|
Coordinador de técnicos: Rodrigo Rodríguez González
|
Técnicos especialistas en anatomía patolóxica (TEAP): 15
|
LOCALIZACIÓN E CONTACTO
Atópase fisicamente situado no Hospital Montecelo (1.ª planta) e está integrado funcionalmente na Área de SOPORTE CLÍNICO e de LABORATORIO.
Teléfonos da secretaría:
986 800 029
986 800 079
986 800 072
CARTEIRA DE SERVIZOS
O catálogo de procedementos consiste en biopsias, citoloxías, incluíndo PAAF, e autopsias e a tipificación de mostras destes tres tipos de procedementos básicos. Faise de acordo co Catálogo Oficial de Mostras elaborado pola Sociedade Española de Anatomía Patolóxica (SEAP), que se pode atopar na última edición do Libro Blanco de la Anatomía Patológica en España, de 2017.
ACTIVIDADE CIENTÍFICA
O Servizo de Anatomía Patolóxica é, desde hai anos, centro formador do ciclo superior de TEAP. Este alumnado realiza anualmente a rotación, no último ano da súa formación, en centros de traballo do noso servizo, durante polo menos 4 meses.
Desde hai 2 anos, o servizo está incluído no período de formación de médicos internos residentes (MIR) de Dermatoloxía, mediante a rotación no noso servizo, durante 1 mes, dun residente de terceiro ano (R3) desta especialidade.
DOCENCIA-SESIÓNS
O Servizo de Anatomía Patolóxica realiza de modo regular sesións periódicas (mensuais) e con calendario programado con algúns servizos (Dixestivo, Dermatoloxía); con outros servizos faino de modo menos formal. Nestas sesións discútense, cada vez que é necesario e cos servizos implicados, os casos que poden xerar dificultade diagnóstica ou controversia.
Ademais, o Servizo de Anatomía Patolóxica participa no calendario anual de SESIÓNS XERAIS que se realizan os venres no Salón de Actos do CHUP.