Servizo de Pediatría do Hospital Público do Salnés

PRESENTACIÓN DO SERVIZO

O Servizo de Pediatría do Hospital Público do Salnés trata pacientes en idade pediátrica, desde o nacemento ata os 15 anos. Establece accións prioritarias encamiñadas a un servizo de pediatría orientado ao paciente e a súa familia.

É un hospital IHAN desde o ano 2005, Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación, acreditación de calidade que outorgan a Organización Mundial da Saúde (OMS) e Unicef.

Existe unha estreita colaboración cos pediatras de atención primaria da zona. O servizo está comprometido coa mellora continua, mantendo programas de calidade e indicadores de accesibilidade, eficiencia e resultados.


EQUIPO HUMANO

O equipo está constituído por 7 profesionais:

  • Coordinador e Xefe de Servizo: Ramón Serantes Souto.
  • 6 facultativos especialistas de área de pediatría.

LOCALIZACIÓN E CONTACTO

Rúa Hospital do Salnés, n.º 30

36619 Vilagarcía de Arousa

Pontevedra

Teléfono 986 568 000

  • Localización da Unidade de Urxencias Pediátricas: edificio de urxencias, planta 0
  • Planta de hospitalización pediátrica: planta 1
  • Consultas externas pediátricas: planta -1

CARTEIRA DE SERVIZOS

A liña de actividade do Servizo de Pediatría do Hospital Público do Salnés inclúe a prestación de coidados específicos correspondentes ás áreas de coñecemento de pediatría e neonatoloxía. A enfermería da unidade poderá atender, ademais, pacientes de cirurxía xeral e dixestiva, uroloxía, otorrinolaringoloxía e traumatoloxía, sempre en pacientes menores de 15 anos ao seu ingreso.

A hospitalización pediátrica atende a patoloxía que precisa manexo en réxime de hospitalización para o diagnóstico e tratamento de diferentes problemas de saúde do neno. Presta servizos de hospitalización, tanto a atención primaria como á consulta da especialidade no propio hospital e ao Servizo de Urxencias.

Por tanto, a nosa carteira de servizos inclúe todos os procesos correspondentes ás áreas de coñecemento de pediatría, entre os que se atopan os seguintes:

Neonatoloxía e medicina perinatal

Acabado de nacer con idade xestacional superior ás 36 semanas e/ou peso superior a 2000 g.

Aténdese o acabado de nacer san na habitación da nai; no caso de precisar coidados mínimos ou intermedios, dispoñemos dunha sala de observación do acabado de nacer na primeira planta de hospitalización.

Serán trasladados ao noso hospital de referencia:

  1. Pacientes que requiran tratamento cirúrxico,
  2. Pacientes con criterio de atención en UCI neonatal.
Lactantes e preescolares

Patoloxías específicas de subespecialidades pediátricas (aparello dixestivo, cardioloxía, endocrinoloxía, infectoloxía, neonatoloxía, pneumoloxía, nefroloxía, neuroloxía e pediatría social): faríase a despistaxe e o diagnóstico sindrómico e remitiríanse ao hospital de referencia para actuacións especificas.

Atenderanse de forma global todas as subespecialidades pediátricas.

Serán trasladados ao noso hospital de referencia:

  1. Pacientes que requiran tratamento cirúrxico,
  2. Pacientes con criterio de atención en UCI pediátrica,
  3. Pacientes onclológicos,
  4. Pacientes que requiran realización de exploracións especiais non existentes no hospital e que estas sexan necesarias para o correcto diagnóstico.
Escolares e adolescentes

A carteira de servizos por subespecialidades pediátricas esténdese tamén á poboación escolar da nosa área. Neste grupo de idade indicarase o traslado ao hospital de referencia nas seguintes circunstancias:

  1. Realización de exploracións especiais non existentes no hospital e que sexan necesarias para o correcto diagnóstico,
  2. Patoloxía neoplásica,
  3. Pacientes que requiran tratamento cirúrxico complexo,
  4. Pacientes con criterio de atención en UCI pediátrica.
Consultas externas por subespecialidades pediátricas

Neonatoloxía e lactación materna, aparello dixestivo, cardioloxía, endocrinoloxía, infectoloxía, neonatoloxía, pneumoloxía, nefroloxía, neuroloxía e pediatría social.


ACTIVIDADE CIENTÍFICA

  • Participación en sesións clínicas xerais do hospital.
  • Participación en comisións hospitalarias: lactación materna, sepse, hemoderivados...
  • Participación en ensaios clínicos de vacinas.
  • Participación como docentes dos programas de formación de médico interno residente (MIR).
  • Publicacións:
    • Martínez Lorenzo R, González Piñeiro Y, Vilas Vázquez CO. Protuberancia ósea con adelgazamiento cortical. An Pediatr (Barc). 2020. https://doi.org/10.1016/j.anpedi.2020.01.006
    • Martínez Lorenzo R, González Piñeiro Y, López Vázquez AM, Trigo Daporta M. Incremento en el número de casos diagnosticados de tosferina, ¿pensamos más en ella? Aten Primaria. 2017 May; 49(5): 309–311.
    • Martínez Lorenzo R, González Piñeiro Y, Muñiz Lorenzo MI, López Vázquez AM. Información a los padres sobre la profilaxis de la enfermedad hemorrágica del recién nacido. An Pediatr (Barc). 2017; 86(5):294.
    • Martínez Lorenzo R, González Piñeiro Y, Gayoso Couce M. Experiencia en un hospital comarcal con los cuidados paliativos pediátricos. An Pediatr (Barc). 2013 Jan;78(1):67-8.
  • Premios:
    • Transporte pediátrico secundario en un hospital comarcal. Segundo premio á mellor comunicación no XXIV Congreso Autonómico SEMES Galicia. 2016.
    • La tosferina suma y sigue. ¿Qué está fallando? Premio á mellor comunicación no XXX Congreso Nacional de Pediatría Extrahospitalaria e Atención Primaria. 2016.
    • Pinzamiento tardío, una transición respetada. Cualificada co selo de Buena Práctica do Sistema Nacional de Salud. 2015.

LIGAZÓNS RELACIONADAS

Sociedades científicas:

Outros:

​​​​​

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.