Comités de Ética Asistencial: Funcións

FUNCIÓNS DOS COMITÉS DE ÉTICA ASISTENCIAL

O Comité de Ética Asistencial (CEA) é un órgano consultivo e interdisciplinar ao servizo dos profesionais e dos usuarios dos centros sanitarios, constituído para analizar e asesorar na resolución de conflitos éticos que poidan xurdir como consecuencia do labor asistencial. O seu obxectivo final é mellorar a dimensión ética da práctica clínica e a calidade da asistencia sanitaria.

O comité poderá ser requirido na súa función asesora polos pacientes, a través do Servizo de Atención ao Paciente; polos profesionais sanitarios, e pola institución, a través da propia secretaría do comité.

Correspóndelles aos comités de ética asistencial asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica que se produzan nas institucións sanitarias, co fin de mellorar a calidade da asistencia sanitaria; para tal efecto, ha de:

  • Protexer os dereitos dos pacientes.
  • Analizar e facilitar o proceso de decisión clínica nas situacións que presentan conflitos éticos entre os seus intervenientes: o persoal sanitario, os pacientes ou usuarios e as institucións.
  • Propoñerlle á institución protocolos de actuación para as situacións nas que xorden conflitos éticos graves ou de xeito reiterado.
  • Colaborar na formación bioética dos profesionais do hospital e de atención primaria e, moi en particular, na dos membros do comité.
  • Elaborar a memoria anual das actividades do comité.

NON SERÁN FUNCIÓNS DOS COMITÉS DE ÉTICA ASISTENCIAL:

  • Promover actuacións xurídicas directas en relación coas persoas ou a institución.
  • Realizar xuízos sobre a ética profesional ou as condutas do persoal sanitario e dos pacientes ou usuarios.
  • Propoñer sancións.
  • Subrogarse ou substituír a responsabilidade de quen pediu o seu asesoramento.
  • Tomar decisións de carácter vinculante.
  • Substituír os comités éticos de investigación clínica.
  • Realizar estudos co obxectivo fundamental de analizar os asuntos sociais e/ou económicos, directa ou indirectamente relacionados coa asistencia sanitaria.
  • Asesorar ou emitir un informe nos supostos nos que o interesado presentase por escrito unha queixa ou reclamación xudicial ou administrativa.

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é unha institución sanitaria, dependente do Servizo Galego de Saúde. Ofrece servizos sanitarios á poboación da zona de Pontevedra e do distrito sanitario do Salnés. Integra o Hospital Provincial de Pontevedra, o Hospital Montecelo, o Hospital do Salnés, o Centro de Especialidades Mollabao e os centros de atención primaria na área de influencia.